A Nena E O Grilo

Autor:
Magin Blanco
Editorial:
Editora Oqo
ISBN
9788498712599
Idioma
Gallego
Nº de páginas
64
Formato
Cartoné
20,50€

Estas cancións aloumiñan os oídos, pero tamén contan historias. Falan dun país onde as portas sempre están abertas e ninguén se sente estranxeiro. Alí viven unha nena azul e mais un grilo que, para escapar do aburrimento, inventan mil pasatempos. A nena e o grilo é o novo libro-CD que agora ve a luz dentro da colección máis musical de OQO editora, Q son. Un mosaico de textos, cancións e debuxos conforman este volume no que o coñecido compositor Magín Blanco se encarga de encaixar todas as pezas. Mais o músico ourensán non está só, nesta aventura acompáñano as carismáticas e persoalísimas voces de Uxía, Fred Martins, Guadi Galego, Ugia Pedreira… e ata un coro de nenos. Eles poñen a música, e Iván Prieto, as imaxes. O ilustrador galego utiliza unha multitude de recortes con diferentes tonalidades e texturas para as imaxes. A aposta de Prieto pola colaxe débese a que é a técnica que mellor lle acae a esta historia híbrida e heteroxénea. Ademais, decántase por unha estética actual, e sitúa as aventuras dos protagonistas no marco da cidade, onde explota elementos urbanos como a publicidade, ou os carteis. A linguaxe, alén de ser un dos eixos temáticos de A nena e o grilo, goza dun protagonismo especial dentro das páxinas. Unhas veces, Iván Prieto resalta as palabras mediante a tipografía e outras, nun intento por integrar o texto nas ilustracións aproveita certos espazos das imaxes como contedores textuais: unha pinga de auga, o ubre dunha vaca, o tronco dunha árbore… A nena e o grilo é o resultado do labor conxunto de moitas persoas que cren que calquera traballo para os nenos e nenas debe ser tratado con esmero e coidado tanto no apartado das imaxes, coma no musical, os arranxos na produción e na interpretación. Esta atención máxima resulta imprescindible para un proxecto que está pensado para conectar a escola coa vida e adoptar unha actitude crítica e construtiva a prol de valores básicos ?respecto pola natureza, liberdade, solidariedade, afecto, convivencia, identidade, amizade...? . Para iso, precísase un sistema de valores compartidos e de materiais que se poidan integrar dentro dos procesos de aprendizaxe.