“Nomes feridos” que designan lugares en poemas sobre as agresións ao medio natural e catástrofes ecolóxicas. Nomes propios como Rosa, a de “Nasín cando as prantas nasen”, a nai aleitadora de “Ora, meu meniño, ora” ou a “Queridiña dos meus ollos” de Rosalía de Castro; alcumes das cantigas medievais que reforzan o ánimo satírico; nomes das lendas troianas que deixaron pegada na Gallaecia ou antropónimos que marcan o rumbo dos protagonistas dunha novela. No porqué de todos eles, e de moitos outros, no seu valor e significado profundou a VII edición da Xornada de Onomástica de Pontevedra. Esta publicación pretende ser un punto de partida para as reflexións sobre a onomástica literaria continuaren a daren tan bos froitos coma estes.