As Ilusións Estrañas

Autor:
Antón Dobao
Editorial:
Galaxia *
ISBN
9788498655438
Idioma
Gallego
Publicado
2014
Nº de páginas
160
Formato
Rústica
14,70€

Sinopse A realidade como aparencia Os contos que forman este libro de Antón Dobao son diferentes entre si pero todos teñen en común unha arela por transitar zonas prohibidas. A perda é unha constante destes relatos, a sensación de final —case apocalíptica— é outra das atmosferas que pairan sobre As ilusións estrañas. Un xogo de luces e sombras que, ao esvaeceren, deixan á vista unha realidade distinta do que en principio aparentaba. A fronteira entre o real e o imaxinario, ese territorio no que a realidade parece que perde a súa consistencia, é o lugar onde aniñan As ilusións estrañas. Antón Dobao amosa unha habelencia insólita para escoller os feitos narrados —as situacións, os personaxes que as viven— e as palabras coas que estes se narran. Trátase do xogo da ficción, no que o autor introduce a quen le sen que, ata o momento preciso, este se dea decatado das regras que gobernan os feitos e a xente dese mundo aparentemente próximo e doadamente intelixible. Velaquí o que escribiu Giacomo Leopardi sobre as ilusións no seu Zibaldone di pensieri: "O pracer máis sólido desta vida é o pracer van das ilusións. Eu considero as ilusións como algo en certo xeito real, tendo en conta que son ingredientes esenciais do sistema da natureza humana [...] de maneira que non é lícito explicalas como soños dun único ser humano senón como xurdidas de veras da natureza; sen elas, a nosa vida sería a máis mísera e ruín das cousas." Ao cabo, en As ilusións estrañas todo o que parecía ser unha procura rigorosa da verdade acaba por se converter en material para alimentar algo falso: unha ficción perfecta e convincente; iso que, en esencia, vén sendo a literatura