Lapsus. A Comedia De Existir

Autor:
Alfonso Pexegueiro
Editorial:
Axóuxere
ISBN
9788494137945
Idioma
Gallego
Publicado
2015
Nº de páginas
0
Formato
Rústica
15,00€

A INEXPRESIVIDADE social contemporánea, a constante tendencia cara a un progreso xa inasumíbel psiquicamente, o rexeitamento dos lugares miúdos ou dos ámbitos nos que o frugal se expresa; todo iso é síntoma dunha enfermidade, dun mal, dunha psicose colectiva na que o "drama", o "teatro do mundo" (que diría Calderón de la Barca) está comezando a entrar, flutuando nun bucle insistente e obsesivo do que semella imposíbel o regreso, a saída. Alfonso Pexegueiro, autor dunha obra inclasificábel e sempre anovadora, déixanos un texto (comezado a traballar no ano 1977 en París, e rematado no ano 2013 en Ponteareas) no que toda esa confusión e patetismo queda manifesto a través dunha oscilación traxicómica na que o absurdo e o sen tino se fan señores da tremoia, da mascarada. Alén do propio xénero ao que, aparentemente, este escrito está vinculado (a dramaturxia do absurdo, ao xeito de Adamov ou Beckett), e como xa é común en Pexegueiro, a escrita dramática desbórdase e condúcenos (máis no calado e subterráneo ca no evidente e visíbel) por toda unha serie de cuestionamentos que teñen á "outredade desprezada" por unha das principais claves; en especial a outredade do neno, tanto a do neno como criatura existente como a do devir-neno ao que todos estamos abocados. Por que ese outro esplendoroso e sinal da vida incesante é saqueado do seu poder? Por que ese outro é levado á morte simbólica e á anulación? Que pasou con nós como individuos? É que xa non escoitamos a rica voz do cativo parlante que nos convida a entrar nos bosques da imaxinación? O libro de Pexegueiro suxírenos que só unha revolución (cognitiva, social) é posible cando o que está refugado e maltratado (esa sombra que despreza occidente) volve ao lugar que lle corresponde: o espazo político da vida, da existencia dignificada e real. Obra lúcida que non ten a indiferenza por consigna.