Nosoutras

Autor:
María Victoria Moreno
Editorial:
Urco Editora
ISBN
9788415699750
Idioma
Publicado
2018
Nº de páginas
88
Formato
Rústica
12,00€

Creo non errar na consideración deste libro como unha achega das máis relevantes que este ano nos vai, afortunadamente, deixando. Nosoutras é, desde xa, un libro fundamental que confirma a sorte que supón accedermos a unha palabra, á palabra literaria, de María Victoria Moreno. A entrega unifica unha serie de relatos que foron concibidos, agás o primeiro e que dá título ao libro pois este ten unha condición diferente e o derradeiro, que vén sendo un texto de circunstancias, na etapa en que a autora aínda non se incorporara ao discurso literario galego como fai publicamente a partir de 1973, aínda que contén un texto -“O aguinaldo” que puido ser a primeira incursión en lingua galega da autora. Son relatos, así pois, traducidos con moito sentido común e habilidade por Xavier Senín, como se sabe amigo persoal da autora e unha das persoas que máis traballou por manter viva a súa memoria, e que en liñas xerais afondan no sufrimento de mulleres, protagonistas as máis das veces, que sofren e padecen unha historia que agora alguén conta dándolles voz, e non unha voz calquera, senón unha voz refulxente e que as dignifica, e que tamén está contada con brillantez estilística exhibindo un rexistro marcado polo lirismo, ás veces, pola incorporación de novidades técnicas, por achegarse ás veces a un sorprendente discurso visionario e, sobre todo, pola contundencia e fluidez comunicativa, sen esquecer a beleza plástica destas achegas. Unha das sorpresas que encerra o libro resulta o texto inicial que lle dá nome ao volume nunha decisión que entendo moi acaída. “Nosoutras” non resulta, en sentido estrito, un relato; máis ben é un texto -ata agora inédito- onde a autora reclama e reivindica un espazo propio para aquelas voces que, canda ela, camiñan no labor de dignificación da literatura xuvenil e infantil en lingua galega, como son Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández, Úrsula Heinze e a recentemente falecida Palmira G. Boullosa. O texto, que ben podía considerarse un manifesto -mesmo descoñecido polas autoras amentadas tal e como sinala o prologuista do libro- ilumina un labor que a propia Moreno considera inxustamente invisibilizado e que considera deste xeito: “Escribimos con decoro, integrámonos na literatura do noso pobo e non fixemos máis que comezar…”.