O Obxecto Muller E O Xiro Ontolóxico

Autor:
Inma Otero Varela
Editorial:
Fundación Euseino?
ISBN
9788412158069
Idioma
Gallego
Publicado
2021
Nº de páginas
164
Formato
Rústica
15,00€

Na colección Casabranca, publicamos O obxecto muller e o xiro ontolóxico, unha achega de Inma Otero Varela á filosofía feminista. A cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. Velaquí un libro absolutamente anovador, no que a autora elabora unha concepción teórica senlleira mediante unha argumentación limpa, firme e rigorosa. A partir do xiro que o realismo especulativo, ou o novo realismo, deu na filosofía contemporánea, trátase de pensar unha ontoloxía na que a relación de dependencia entre suxeito e obxecto desapareza ao deixar de ser a exclusiva forma de acceder ao senso, de existir. O suxeito, desta volta a muller, é un obxecto máis do mundo, ou dos mundos, dos campos de senso. Xa non hai un senso único, unha determinación necesaria e primeira, senón que son os obxectos os que, nas súas relacións, crean campos de senso continxentes e independentes. O campo de senso de xénero é un deles. E como tal é modificable, emendable. O obxecto muller xa non é o obxecto muller-obxecto; a muller non é un corpo. Ser muller non é unha natureza, é un xeito de representación que emerxe, se inscribe e accede ao seu propio senso. Existe sen condición. A obra de Inma Otero Varela enfróntase con cuestións coma onde ser muller?, que é o xénero como campo de senso e cales son as regras que ordenan o campo de xénero para, ao cabo, discernir claramente entre o obxecto muller-obxecto e o obxecto muller como dúas realidades diferentes ao situar o ser muller como un obxecto autónomo. Unha concepción rigorosamente nova e orixinal sobre as cuestións fundantes do pensamento feminista.