Os servizos no cambio de modelo agrario

Autor:
Ángeles Pereira Sánchez
Editorial:
Editorial Laiovento, S.L.
ISBN
9788484874461
Idioma
Gallego
Nº de páginas
0
Formato
Rústica
24,85€

Este libro da conta da importancia dos servizos no proceso de cambio
no sector agrario ao longo das últimas décadas. Debulla o modo en
que, ao longo das últimas décadas, os profesionais do agro e da gandería
en Galicia van botando man de diversos servizos para incorporar
innovacións, adaptarse a un mercado e un cadro regulador cada vez
máis complexos e así poder manter a súa competitividade no mercado,
coidar do medio ambiente e proporcionar bos alimentos, sen deixar de
aspirar a unha mellor calidade de vida. O fío condutor do libro é a idea
de que a expansión dos servizos no sector agrario reflicte a resposta
adaptativa dun sector que vive una profunda crise e que precisa responder
ás dinámicas globais da agroindustrialización e a liberalización
dos mercados, aos novos retos da política agraria e rural, aos retos da
sustentabilidade así como á evolución das propias estruturas agrarias
nas últimas décadas.
A través dun percorrido polos principais cambios do contexto económico,
institucional e tecnolóxico que afectan ao sector agrario galego,
a autora presenta ao público unha análise do cambio de modelo
agrario galego no contexto da Economía de Servizos e do Coñecemento.
A terciarización do sector agrario defínese pola crecente importancia
e presenza dos servizos en torno ás actividades propias das
explotacións agrarias. Máis alá da contratación de servizos especializados
de maquinaria para as tarefas en campo, que xa conta cunha notable
tradición no agro galego, este estudo mostra e explica a crecente
intervención de axentes externos que aportan coñecemento técnico
especializado para asesorar aos agricultores e gandeiros na innovación
dos procesos produtivos agrarios e, nalgúns casos, substituílos. Afonda
no estudo do papel desenvolvido polas cooperativas agrarias e outras
asociacións propias do sector, incluídos os propios sindicatos agrarios.
Estes axentes revélanse como fundamentais na prestación de servizos,
pola súa proximidade (física e cognitiva) e pola súa capacidade de
conseguir economías de escala. Igualmente, poderían sentar as bases, a
través de novos servizos, para un novo modelo agrario sustentable que
aproveite plenamente as potencialidades do rural galego.