Espantallos

Autor:
ww,aa Manuel Sendón Trillo
Editorial:
Centro De Estudios Fotograficos
ISBN
9788487882401
Idioma
Gallego
Publicado
2015
Nº de páginas
60
Formato
Rústica
20,00€

"Paseando por un parque de Xenebra atopamos, pendurado dunha árbore, un envase reciclado para recoller lixo. Axiña pensamos con admiración: cultura de reciclaxe. Cando en Galiza atopamos un tambor de lavadora convertido en testo, unha bañeira en bebedoiro ou un somier en peche dunha leira, dicimos con aire desprezativo: feísmo. O labrego e a labrega galega sempre reciclaron todo canto caía nas súas mans. Os xornais convertíanse en envoltorios ou papel hixiénico e, na miña vila, as latas da conserva en potas ou penicos, aínda que este último uso lle parecía moi mal ao dono da conserveira. Mais esta non é unha característica específica dos galegos, como moitas veces se nos di. A reciclaxe é propia de todas as culturas campesiñas. Mesmo noutros países economicamente moi desenvolvidos, cunha agricultura moi potente, como Francia, onde o respecto ao territorio é total, atopeime tamén con bañeiras convertidas en bebedoiros. Pero o respecto ao territorio non se mide na presenza das bañeiras-bebedoiro, como nos pretenden facer ver. A sociedade industrial, na que o consumo se asociaba co progreso, non se caracterizou pola reciclaxe nin polo respecto ao territorio, mais nas últimas décadas fíxose evidente a que nos abocaba, xurdindo nelas unha conciencia ecolóxica que contempla a reciclaxe. Nos espantallos maniféstase esta actitude recicladora. Ás madeiras, á palla ou á roupa inservíbel vánselle unindo todo tipo de obxectos que xa perderon a súa función, incorporando tamén aqueles que pouco tempo antes eran unha innovación tecnolóxica, como as fitas de vídeo, cds e dvds. Ao repararmos nos espantallos decatámonos axiña de que á marxe da función para a que son creados, hai tamén unha preocupación estética. Nalgúns casos, cóidanse até os máis mínimos detalles de cara a convertelos en auténticos simulacros, mentres que noutras ocasións un ou dous elementos que serven para esbozar a figura humana cumpren a mesma función, acadando en ocasións maior forza estética. A arte contemporánea familiarizounos co proceso de descontextualización de obxectos para fornecelos dun significado novo, cuestionando o propio concepto de artista. Os creadores de espantallos non pertencen obviamente a ese mundo, mais ninguén pode negar hoxe que darlle a un obxecto unha función diferente é unha actitude creativa. Non se trata de idealizar os comportamentos do mundo labrego, mais si de contribuír a desmontar certos estereotipos ridiculizantes que imperan, caracterizados por unha visión simplista do “outro” que esquece a “Europa campesina que todos temos dentro sen decilo”. Manuel Sendón